Publicaçom do segundo ciclo de seminários do SELG adicados à “Anarcofeminismos” e centrados na realidade galega. Nela recompilam-se os textos aportados polas distintas vozes que participarom e algumhas colaboraçons externas.
PVP: 12€

Índice
Editorial
Anarcofeminismo: cuestións básicas
-Os comezos do anarcofeminismo. Virginia Cattolica
-Construíndo o feminismo especifista: unha aproximación ás teorías feministas e ao debate sobre a relación entre as opresións. Liza
A Galiza en femenino libertario
-Loitadoras e represaliadas: as mulleres no movemento libertario na Galiza (1931-1940). Dionisio Pereira
-Vivindo o meu anarcofeminismo. Amaló D. Gantes
-Por unha política afectiva desobediente e autónoma. Lu
Tecendo marxes: Explorando a fronteira das disidencias
-Insurxencias silenciadas. SELG
Aprendizaxes do anarcofeminismo para o activismo
-Desbordar a culpa, sosterse no común. Inés Merayo Fernández
-Masculinidades pacíficas para unha reformulación do socialismo libertario. Un integrante do SELG
Editorial do libro
O que hoxe tes entre as mans non só é un obxecto, unha publicación, unha aliaxe de pensamentos, unha amálgama de notas. É unha declaración de intencións e un manifesto. Un suxeito de seu, con axencia e vida propia. Nace cunha intencionalidade política moi clara. Esta é, por unha banda, a de coller o relevo da loita secular encabezada polas mulleres dentro do seo do anarquismo contra o machismo dos movementos revolucionarios, e pola outra, exhibir unha realidade incómoda da que somos cada vez máis conscientes as militantes libertarias galegas: a masculinización dos espazos, das palabras, das dinámicas aínda a día de hoxe.
Dende a comisión anarcofeminista do SELG quixemos activarnos para dar conta destas problemáticas e facer visible unha situación velada, articular en voz alta un segredo a voces. E é que, dentro do anarquismo galego, aínda queda moito camiño que percorrer en materia de xénero. Nas experiencias que tiveron lugar xa dende o primeiro curso 2024, Anarquismo e Organización, decatámonos de que, a meirande parte de veces, estas estaban copadas por homes. Quixemos deitar luz sobre isto e buscar motivos e solucións a esta masculinización do noso tecido militante. Pero tamén desexamos facer autocrítica sobre que loitas estabamos a esquecer como feministas, e como abrir, decolonizar e desxerarquizar o ideario deste movemento no que nos encadramos e que demos en chamar anarcofeminismo.
Se ben é certo que non existe un acordo terminolóxico entre militancias libertarias afíns (feminismo socialista libertario, feminismo anarquista, anarquismo feminista, anarcofeminismo?) en tanto que estamos a construír definicións dependendo dun punto de vista histórico ou teórico, o certo é que a perspectiva historiográfica é fundamental para autodeterminarnos e situármonos. O anarcofeminismo xorde no século XIX da man de figuras como Louise Michel, Lucy Parsons, Volterine de Cleyre ou Emma Goldman dentro dun contexto onde comezaban a abrollar azos de autonomía e demandas de igualdade por parte das mulleres. Fronte ás sufraxistas ou feministas burguesas que detentaban o poder mediante a participación do sistema electoral, ou as feministas socialistas autoritarias, cuxa soberanía ficaría sometida ao Estado, as anarcofeministas querían abolir o Capital, o Estado e o Patriarcado porque consideraban que todo formaba do mesmo problema: unha tríade fatal. Estas mulleres alumaron o camiño das seguintes xeracións, como o das Mulleres Libres dos anos 30 ou os grupos autónomos feministas dos anos 70.
O feito de organizar un curso dedicado especificamente ao Anarcofeminismo como algo necesario para desnaturalizar o que non debería ser anecdótico, xorde dunha necesidade de recoñecer e honrar a xenealoxía das nosas feministas anarquistas. Dende o mundo libertario coñecemos a importancia do arquivo como matriz sobre a cal desenvolver as nosas loitas, mais tamén como eido que subverter. Coñecer as nosas referentes, as que deixaron semente de vencer, sérvenos hoxe en día como feministas e anarquistas para continuar a súa loita, mais tamén para abrir novas conversacións e revisitar outras. É tirando do fío do anarcofeminismo que, coidamos, podemos seguir tecendo unha rede forte, estable e flexible. Como os quipuandinos, dentro dos nós e os puntos de converxencia desta urda é onde atopamos a nosa afouteza: estes nodos e puntos de información atan a nosa organización e prevennos de esfiañarnos.
O proceso que vivimos este 2025 durante as sesións do SELG non foi camiño de rosas. Ou quizais si, pois foi tan belo como espiñento. Pensármonos en clave de xénero, en clave de identidade, de construción social adquirida ou de socialización diferencial dende peques, é un traxecto angosto no que é importante non atoarse, pero si deterse e reflexionar, cara dentro e cara fóra. Este non é un traballo doado, nin cómodo. É un camiño de tensións, de aprendizaxes, de preguntas sen respostas pechadas. É tamén un exercicio de honestidade, de coidado radical e de aposta pola transformación dos espazos que habitamos. Foi un ano intenso, ás veces duro, no que nos tocou cuestionar non só como organizamos os espazos libertarios, senón tamén quen somos dentro deles, que roles asumimos, que privilexios habitamos ou sufrimos, e que estruturas reproduciamos sen querer ou sen querelo ver. A pesar de —ou, precisamente, grazas a— todo isto, sentímonos quen de atopar algunhas respostas. E, sobre todo, de deixar moitas outras preguntas abertas sobre a mesa, para seguir construíndo
colectivamente.
Todo o que aquí escribimos, sexa de quen for a autoría, ten un carácter completamente mutable, pois todo coñecemento está en construción. Mesmo es autoris, como persoas humanas, están inmerses nese proceso de crecemento que permite contradicirnos unha e outra vez ao longo do carreiro e atopar novas perspectivas e opinións, non sempre coherentes coas que traiamos na mochila. Polo tanto, como lectore, non tomes nada disto como algo finalizado, nin como dogma, axiomas ou verdades. Recollemos aquí conclusións, reflexións e dúbidas que fomos amasando nos debates, nas conversas e no día a día de distintos procesos de construción de coñecemento que tivemos a sorte de ora convidar e escoitar, ora vivir e protagonizar.
Ao longo das páxinas que seguen, transitarás polas voces que fixeron posible este SELG 2025. Unha selección das palestras, mesas redondas e obradoiros que tiveron lugar neste curso que xirou arredor dos anarcofeminismo pero que, en realidade, non deixou de ser unha continuación do curso 2024, Anarquismo e Organización, pois, simplemente, ningunha das dúas ten cabida sen as mulleres, as disidencias e a equidade. Aquí atoparás relatos de loitas pasadas e presentes, voces que reivindican ás loitadoras libertarias da Galiza e tamén ás que seguen tecendo hoxe resistencias nos espazos que habitamos. Reflexións teóricas e relatos de experiencia. Críticas ao feminismo que esquece a loita de clases, críticas ao anarquismo que esquece o feminismo. Debates necesarios sobre masculinidades, sobre poder, sobre comunidade, sobre memoria e sobre futuro. Relatos dunha historia que nos é propia e na que vemos reflectidas as mesmas demandas e loitas das que hoxe somos parte.
Atoparás saberes marxinais, silenciados polo eurocentrismo, o patriarcado e polas lóxicas hexemónicas. Propostas que rescatan prácticas antigas para revisitalas, resignificalas e poñelas ao servizo das necesidades presentes. Outras, novas, que se nutren desa memoria pero tamén do diálogo co mundo que habitamos. Todas, coa vida no centro. A vida non como trazo individual e separado, senón como realidade profundamente colectiva, interdependente, material e política.
Este libro é, sobre todo, unha ferramenta. Non é un punto final, senón un punto de partida. Un convite a cuestionar, a transformar, a construír. A tarefa é común. Que ninguén fique atrás. Que ninguén poida mirar cara outro lado. Que ninguén cargue coa soidade no seu corpo nin na súa loita. Non propoñemos ningunha verdade, pero si algunhas respostas e, sobre todo, moitas preguntas que queremos seguir explorando xuntes. Que este libro sexa, tamén, un paso máis cara a un anarquismo galego forte, organizado, comunitario e popular. Un anarquismo que sosteña a dignidade, a rabia, a alegría e os coidados como práctica revolucionaria.
