Etiqueta: SELG
Sesión 3: Organizando a Resistencia II: Sindicalismo social libertario
Presentámosvos o cartaz completo da III Sesión do SELG
🤝 Arrincamos ás 12’00 cunha mesa redonda sobre os límites do movimentismo. Nela, varias activistas veciñais e de movementos en defensa da terra achegarannos os seus relatos (e as súas frustracións) nas loitas sociais dos últimos anos
🥗 14’30 xantar vegano. Desta volta, ímosvos pedir unha achega de 5 euriños para axudarnos a financiar as actividades. Por suposto, a achega non é un requisito para as que non poidamos facela
🏡 16’00 imos cunha palestra sobre sindicalismo de barrio, impartida por compañeiras anarquistas do movemento pola vivenda de Barcelona
👥 17’30 as compañeiras de Liza (Plataforma Anarquista de Madrid) falarannos da estratexia do poder popular e do especifismo como modelo de intervención social dende o anarquismo
⚙ 19’00 xeraremos unha dinámica de traballo entre todas as asistentes na que trataremos de aterrar no contexto galego os distintos modelos de acción social libertaria
🥳 Pecharemos ás 21’00 co concerto de Improvisóns
SELG II: Organizando a resistencia I: Anarcosindicalismo
O próximo 6 de abril na Corunha terá lugar a segunda jornada do seminário sobre anarquismo e organizaçom: ” Organizando a resistencia I: Anarcosindicalismo”. Pronto mais informaçom
Primeira sessom da SELG: O socialismo libertario na Galiza
Difundimos a convocatória da primeira sessom do Seminário de Estudos Libertários Galegos, SELG:
🗓 Despexade as vosas axendas para o sábado 24F, que arrincamos co SELG. Nesta primeira sesión centrarémonos no Socialismo Libertario na Galiza:
🚩 Dolors Marín nos introducirá nos principios, obxectivos e estratexias do anarquismo histórico
🏴 Despois dun xantar comunitario, Eliseo Fernández fará un percorrido polos modos organizativos do anarquismo galego
⭕️ A media tarde teremos unha mesa redonda con militantes anarquistas para analizarmos o país dende unha perspectiva libertaria
🎻 E como non todo vai ser traballar, pecharemos a xornada cun concerto de Bombus Bombus
Seminario de Estudos Libertários Galegos
Difundimos a iniciativa e convocatórias da SELG, animade-vos a participar!:
⚡️ Hoxe queremos presentarvos o Seminario de Estudos Libertarios Galegos (SELG)
🖤 Un proxecto de autoformación colectiva co que queremos achegar á Galiza algúns dos debates estratéxicos do anarquismo internacional
📚 Unhas xornadas que cada ano estarán adicadas a un tema de análise, que despregaremos ao longo de todo o curso
🗓 A primeira edición do SELG terá como tema central “Anarquismo e Organización”, e celebraráse en catro sesións ao longo de todo o curso, comezando o sábado 24 de febreiro
Seminario de Estudos Libertarios Galegos
O Seminario de Estudos Libertarios Galegos (SELG) é unha iniciativa do colectivo Refuxios da Memoria, que nace coa intención de xerar na Galiza un espazo de reflexión, debate e aprendizaxe colectiva arredor das ideas, historia e estratexias do Socialismo Libertario.
Para que un Seminario?
As ideas socialistas libertarias tiveron na Galiza un fértil campo de expansión dende que no último terzo do século XIX chegaran ao país algúns delegados da vertente bakuninista da I Internacional. A corrente antiautoritaria do socialismo internacionalista prendeu ben nun pobo que á altura atopábase nun proceso de proletarización, e nun país onde os principios da autoxestión, o apoio mutuo e o colectivismo tiñan unha fonda raizame.
Dende entón, e por sete décadas, o anarquismo organizado disputouse co marxismo a hexemonía dun movemento obreiro galego en continua expansión. Un tirapuxa que só se decantou do lado do socialismo autoritario a partir dos anos 50 do século XX. A puxanza das anarquistas galegas tivo causa e efecto no desenvolvemento dunha vizosa rede de organizacións e institucións autónomas nos eidos sindical e social, económico e cultural, que xerou unha verdadeira esfera pública libertaria, e socializou a enormes capas da poboación nos principios e nas prácticas anarquistas. Un proceso de acumulación de poder popular que tan só puido ser revertido por medio do xenocidio emprendido polo exército español en xuño de 1936.
Pese á ruptura do fío desta tradición, hoxe en día son moitas as persoas, e algunhas as organizacións, que no país identifícanse coa tradición e os principios do socialismo libertario. Porén, faltan os espazos de encontro e reflexión colectiva acerca desta tradición, dos seus principios e estratexias, das súas ferramentas de loita e da súa vixencia e aplicabilidade ao momento presente. Co SELG queremos convidar ás anarquistas do país, e ás galegas que teñan curiosidade polas ideas libertarias, a atoparnos e debater sobre esta tradición, coa vista posta no presente e o futuro do país.
Como se vai desenvolver?
Cada ano elixiremos un tema de reflexión que despregaremos ao longo de todo o curso, celebrando sesións bimestrais do SELG. Cada unha destas sesión estará enfocada a un eixo de debate diferente, sobre o que traballaremos ao longo dunha xornada na que nos acompañarán militantes, investigadoras e representantes de organizacións libertarias galegas e ibéricas que nos achegarán as súas ideas e experiencias sobre a cuestión.
Os contidos de todas estas palestras e mesas redondas serán recollidos en relatorios, que compartiremos en aberto a través na nosa páxina web. Estes relatorios, xunto con algunhas lecturas propostas polas poñentes das palestras e polo grupo de coordinación da SELG, servirán como base para desenvolver debates locais, a través dos Grupos de Autoformación Libertaria (GAL) que xurdan ao longo do país.
Cando e onde?
O tema de reflexión para esta primeira edición do SELG (2024) será
“Anarquismo e organización”, dividíndose en catro sesións:
Sábado 24 de febreiro*:
O Socialismo Libertario na Galiza.
Sábado 6 de abril*:
Organizando a resistencia I: Anarcosindicalismo.
Sábado 18 de maio*:
Organizando a resistencia II: modelos e experiencias organizativas
do Sindicalismo Social Libertario na Península Ibérica.
Sábado 20 de xullo*:
Sementes de emancipación I:
Movemento libertario, autogoberno e territorio.
Todas as sesións do SELG celebraranse en A Revolteira, na Rúa Falperra, 13, na cidade
da Coruña.
A primeira edición da SELG rematará na Feira do Libro Anarquista da Coruña (FLAC), que se celebrará na fin de semana do 14 e 15 de setembro, coa presentación dunha publicación coas conclusións acadadas ao longo desta primeira edición e co anuncio do tema de reflexión da SELG 2024/25.
Como participar?
Calquera persoa interesada nas xornadas do Seminario pode acudir sen necesidade de inscrición previa. Así e todo, agradecemos nolo comuniquen previamente escribindo ao enderezo flac@refuxiosdamemoria.org
En paralelo ao inicio do SELG poremos en marcha o Grupo de Autoformación Libertaria da Coruña (GALAC). Este celebrará sesións dous xoves ao mes, coa intención de desenvolver unha reflexión propia e aterrada no eido local e nacional, e sacar conclusións deste debate de ideas. O Grupo estará aberto a tódalas persoas que teñan interese na historia, o presente e o futuro do movemento libertario galego.
Os contidos das diferentes palestras poderán consultarse na nosa web, www.selg.gal , de modo que en calquera vila do país onde haxa un grupo de persoas que compartan o interese polas ideas libertarias, se poida crear un Grupo de Autoformación local.